Thursday 09 de May de 2024

O Concello de Boqueixón organiza cursos de informática de oficina e para maiores


 

As sesións comezarán a partires do 5 de abril e as inscricións deberanse realizar no Departamento de Cultura

O Concello de Boqueixón organiza dous cursos de informática para a veciñanza. As sesións darán comezo o vindeiro 5 de abril na aula de usos múltiples do Consistorio. As persoas interesadas en participar deberá poñerse en contacto co Departamento de Cultura chamando ao teléfono 981 513 115 ou a través do enderezo electrónico cultura@boqueixon.com.

O primeiro dos cursos céntrase en Informática de Oficina e ten unha duración de 40 horas. As clases impartiranse os mércores e venres en horario de 18.15 a 20.15 horas. O custo é de 20 euros ao mes. As persoas participantes aprenderán a manexar o programa Libre Office (tratamento de textos, follas de cálculo e presentacións gráficas) e tamén unhas nocións básicas sobre o uso da Internet (búsqueda e almacenamento de información e xestión de correo electrónico).

A segunda das accións formativas céntrase na Informática para Maiores. Neste caso, o curso é de 20 horas e custa 10 euros mensuais. Dirixido á terceira idade, as sesións desenvolveranse os venres en horario de 16.00 a 18.00 horas. As persoas asistentes aprenderán nocións de informática básica (compoñentes dun equipo informático e sistema operativo) e de Internet (busca e almacenamento de información de forma segura, manexo de correo electrónico e tarefas nas que se usa a Internet dende o fogar).